Desde o
inicio da crise económica, a CNT defendeu a folga xeral como principal
ferramenta da clase traballadora contra os ataques da banca e a
patronal. Rexeitamos a negociación á que o sindicalismo de concertación
chamaba ao goberno para suavizar a reforma laboral tras a folga xeral
do 29M.
Do mesmo xeito rexeitamos as
formulacións do chamado cume social, de eliminar só os excesos máis
flagrantes do goberno do PP, mantendo o núcleo do sistema económico e
político que nos colocou nesta situación, así como os seus intentos de
desviar e dilatar a resposta social con propostas inútiles como a
esixencia dun referendum. A dura situación social esixe unha resposta
contundente, crecente e continuada que rompa ataduras co armazón
político e económico que a orixinou e da que se beneficia e as
complicidades co mesmo.
Tras meses de dúbidas, CCOO e UXT
convocarán folga xeral o 14N, arrastrados, dun lado, polo malestar
social crecente e a mobilización na rúa e, doutro, polas continuas
medidas antiobreiras dun goberno ao servizo de elites financeiras e
patronais sen intención algunha de ceder migallas que permitan ao
sindicalismo institucional xustificar o seu papel. CNT acordou convocar
folga xeral o próximo 14 de novembro, e farémolo de forma diferenciada e
coas nosas propias reivindicacións e formulacións. Dicimos que esta
folga é necesaria pero non suficiente e chamamos a levala máis aló do
guión esteril e frustrante ao que nos ten afeito o sindicalismo
institucional.
O noso reto é que esta folga fortaleza a
vontade de loita e autoorganización de capas cada vez maiores da clase
traballadora, construíndo a capacidade de impulsar novas convocatorias e
mobilizacións a nivel global e nos distintos sectores. Convocamos á
folga do 14N con vontade de continuidade. Convencidos de que para
enfrentarmos ás elites e institucións financeiras europeas e os seus
gobernos monicreques, é necesario non só impulsar a unidade de clase
máis aló dos límites artificiais das fronteiras nacionais, como empeza a
apuntar a folga do 14N, senón que debemos romper tamén cun formato de
folga que está lonxe de ser suficiente para enfrontar estas políticas.
Temos o reto de ser capaces de ir máis
aló de paros de 24 horas illados no tempo, máis aló da paralización da
actividade puntual nas industrias e sectores tradicionais, de atopar
formas de interromper todo o proceso de produción e consumo, de
incorporar á mobilización ao conxunto da clase traballadora, por
precarizada e dividida que estea. Gañar a capacidade de facer o maior
dano posible aos intereses económicos da elite empresarial e financeira é
o obxectivo principal da folga xeral.
Chamamos a organizacións sindicais e
movementos sociais anticapitalistas a traballar desde xa por desbordar e
dar continuidade a folga do 14N. A tomar desde xa a rúa e as empresas
para non abandonalas. Facer que a folga xeral deixe de ser pouco máis
que un lema, para converterse nunha ferramenta real de loita é o noso
obxectivo, e o 14N temos que dar o próximo paso para facelo realidade,
con todas as nosas forzas por que nos xogamos moito.
¡14N Folga Xeral! ¡A por todas!
Secretariado Permanente do Comité Confederal CNT-AIT
No hay comentarios:
Publicar un comentario