jueves, 28 de agosto de 2008

Primeiro comunicado da sección.

Este primeiro comunicado é para informar os/as traballadores/as de TVE-Galicia da recente creación da sección sindical da CNT en TVE-Galicia. Esta sección sindical nace ca intención de aportar outra forma de ver e de facer sindicalismo, estando aberta a todas as vosas aportacións e, como non podía ser doutra maneira, a colaborar cas demais seccións sindicais na defensa e mellora dos dereitos do conxunto dos/as traballadores/as.
Dende CNT-TVE-Galicia consideramos que para defender os dereitos laborais as seccións sindicais son unha ferramenta perfectamente válida, polo que non vemos necesaria a participación en eleccións sindicais.
Para CNT-TVE-Galicia calquera decisión que afecte ós/ás traballadores/as debe de ir avalada pola decisión da asemblea, nunca os “representantes sindicais” deben de tomar unha decisión sen pasar polo órgano que nos consideramos básico: a asemblea xeral de traballadores e traballadoras.
Esta nova sección sindical pretende ser unha ferramenta do conxunto de traballadores e traballadoras para a defensa dos nosos dereitos, desexamos que se vaia construíndo día a día co traballo e o apoio colectivos.
Os momentos nos que se atopa a empresa son complexos e moi importantes, está por negociar un novo convenio colectivo, no que a empresa pretende partir de cero, tratando de pasar por riba de dereitos laborais adquiridos; están por definir as novas categorías laborais; o nivel de produción propia non se cumpre, cada día vemos como as empresas privadas van gañando terreo na “nosa” empresa; vemos como se seguen facendo contratos-estrella-millonarios, como seguen vindo directivos de fora da casa, ...ou sexa, non cambiaron as formas de xestionar esta “nosa” empresa.
Aquí, en Galiza, tampouco somos alleos á problemática xeral que impera en TVE: non sabemos nada da “térrena prometida” , non se aproveitan os medios propios, hai xente que non sabe que plus de dispoñibilidade (A ou B) vai cobrar ata que finalice o mes (cando o debería de saber ó comezo), cámbiaselle o horario a xente que non ten plus, fanse funcións que non corresponden a categoría a desempeñar e non se pagan... moitas destas cousas, tal vez , debido a que se levan facendo dende fai moito tempo considéranse normais, cando non o son.
Como vedes hai moito que facer, polo que vos pedimos o voso apoio para tratar, na medida das nosas posibilidades, de cambiar esta dinámica, nunca cobrou tanta forza aquelo de a unidade fai a forza.