lunes, 12 de noviembre de 2012

Convocatorias FOLGA XERAL 14N


Compostela
* Luns 12: Rondalla ás 11h. desde o INEM do Parlamento ata o INEM de Fontiñas.
* Martes 13: Rondalla ás 17h. na Praza Roxa para saír ata Galeras, Vistalegre e Vite.
Mércores 14: FOLGA XERAL
-Bloque Crítico Anticapitalista: saída ás 12h. da pz. Roxa (esquina de San Pedro de Mezonzo) e remate pz. Praterias.
-Xantar popular aberto: ás 14h. no palco da música da Alameda. Se chove no local da asociación Itaca (r/ Pombal nº 18).
-Manifestación Sindicalismo Alternativo: saída ás 18h. da Alameda.
Convocan: CNT, CUT e os movementos sociais da cidade.

Vigo
* Mércores 14: FOLGA XERAL. Manifestación: saída ás 11h. da Praza Fernando o Católico ata Porta do Sol. Convocan: CNT, CUT, CGT, STEG e SF.

Ferrol
* Luns 12: Concentración ás 20h. na Xunta de Galicia. Convocan: CNT, Forxa! e 15M Ferrol.
Mércores 14: FOLGA XERAL. Manifestación unitaria: saída ás 12h. da Praza do Inferniño. 

Vilagarcia de Arousa
* Mércores 14: FOLGA XERAL. Manifestación: saída ás 20h. da Casa do Mar. Convoca: CNT.

Lugo
* Mércores 14: FOLGA XERAL. Manifestación unitaria: saída ás 12h. do Edificio sindical (Ronda da Muralla nº58).

Ourense
* Mércores 14: FOLGA XERAL. Concentración ás 12h. nos Xardíns Padre Feijoó. Convocan: CNT e colectivos libertarios da cidade.

CNT convocará folga xeral o 14N contra a reforma laboral, os recortes, e o saqueo contra a clase traballadora

Desde o inicio da crise económica, a CNT defendeu a folga xeral como principal ferramenta da clase traballadora contra os ataques da banca e a patronal. Rexeitamos a negociación á que o sindicalismo de concertación chamaba ao goberno para suavizar a reforma laboral tras a folga xeral do 29M.
Do mesmo xeito rexeitamos as formulacións do chamado cume social, de eliminar só os excesos máis flagrantes do goberno do PP, mantendo o núcleo do sistema económico e político que nos colocou nesta situación, así como os seus intentos de desviar e dilatar a resposta social con propostas inútiles como a esixencia dun referendum. A dura situación social esixe unha resposta contundente, crecente e continuada que rompa ataduras co armazón político e económico que a orixinou e da que se beneficia e as complicidades co mesmo.
Tras meses de dúbidas, CCOO e UXT convocarán folga xeral o 14N, arrastrados, dun lado, polo malestar social crecente e a mobilización na rúa e, doutro, polas continuas medidas antiobreiras dun goberno ao servizo de elites financeiras e patronais sen intención algunha de ceder migallas que permitan ao sindicalismo institucional xustificar o seu papel. CNT acordou convocar folga xeral o próximo 14 de novembro, e farémolo de forma diferenciada e coas nosas propias reivindicacións e formulacións. Dicimos que esta folga é necesaria pero non suficiente e chamamos a levala máis aló do guión esteril e frustrante ao que nos ten afeito o sindicalismo institucional.
O noso reto é que esta folga fortaleza a vontade de loita e autoorganización de capas cada vez maiores da clase traballadora, construíndo a capacidade de impulsar novas convocatorias e mobilizacións a nivel global e nos distintos sectores. Convocamos á folga do 14N con vontade de continuidade. Convencidos de que para enfrentarmos ás elites e institucións financeiras europeas e os seus gobernos monicreques, é necesario non só impulsar a unidade de clase máis aló dos límites artificiais das fronteiras nacionais, como empeza a apuntar a folga do 14N, senón que debemos romper tamén cun formato de folga que está lonxe de ser suficiente para enfrontar estas políticas.
Temos o reto de ser capaces de ir máis aló de paros de 24 horas illados no tempo, máis aló da paralización da actividade puntual nas industrias e sectores tradicionais, de atopar formas de interromper todo o proceso de produción e consumo, de incorporar á mobilización ao conxunto da clase traballadora, por precarizada e dividida que estea. Gañar a capacidade de facer o maior dano posible aos intereses económicos da elite empresarial e financeira é o obxectivo principal da folga xeral.
Chamamos a organizacións sindicais e movementos sociais anticapitalistas a traballar desde xa por desbordar e dar continuidade a folga do 14N. A tomar desde xa a rúa e as empresas para non abandonalas. Facer que a folga xeral deixe de ser pouco máis que un lema, para converterse nunha ferramenta real de loita é o noso obxectivo, e o 14N temos que dar o próximo paso para facelo realidade, con todas as nosas forzas por que nos xogamos moito.
¡14N Folga Xeral! ¡A por todas!
Secretariado Permanente do Comité Confederal CNT-AIT