Hoxe os informáticos despedidos membros da Sección Sindical Siega celebramos no salón de actos de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, a reunión informativa para @s traballadores da Xunta que quixeron asistir. Alí contamoslles aos varios asistentes a nosa versión dos feitos acontecidos co noso despido, fixemos unha análise da situación actual na subdirección de sistemas informáticos da Consellaría de Educación e atendimos as dúbidas dos compañeir@s presentes. Velaiquí un pequeño resumo do falado:
A nosa situación
Nos eramos informáticos subcontratados pola Consellaría de Educación a través da cadea de subcontratación empresarial formada polas empresas IECISA (Informática del Corte Inglés S.A.) e SERMICRO. Levabamos traballando varios anos nas instalacións de San Caetano... e tamén loitando xa que formamos parte da Sección Sindical de CNT a través da que conseguimos varias melloras laborais nos últimos tempos (http://www.cntgaliza.org/?q=node/575).
Cronoloxía dos feitos
O pasado xullo recibimos da empresa SERMICRO, cos 15 días de antelación correspondentes, unha carta de despido argumentando un fin de obra. Ao mesmo tempo se nos tranquilizaba dicindonos que se trataba dun proceso normal na empresa e que pronto teriamos outro contrato para asinar. Nos puxemos os feitos en coñecemento da Consellaría e pedimos tamén explicacións a IECISA. Tras varias reunións entre Consellaría e empresas, todos coincidiron en que non ía pasar nada, que era un proceso normal e que estivesemos tranquilos que iamos ter un novo contrato.
Pasaron os días e, en vista de que o prometido contrato non aparecía, decidimonos a tomar as nosas medidas e así denunciamos á Xunta por cesión ilegal de traballadores. Aclarar que os outros traballadores da subcontrata implicados estaban perfectamente informados da nosa maniobra e se lle ofreceu iniciar conxuntamente os trámites da denuncia, proceso que rexeitaron.
Finalmente, o día 11 de agosto fíxose efectivo o noso despido e días máis tarde presentamos a correspondente denuncia por este feito consumado.
Tema legal
En resumo, os catro traballadores afectados presentamos 2 denuncias: a de cesión e a de despido, fusionándose ambas as dúas nun único xuízo onde se determinará en primeiro lugar se hai cesión e despois o tipo de despido realizado.
Coa denuncia de cesión o que queremos é que se nos recoñeza como parte dos traballadores da Xunta de Galicia, xa que consideramos que as empresas que nos contrataban incumprian as características que determinan se existe cesión de traballadores, a saber:-Dispoñer dunha organización con existencia autónoma e independente-Contar cos medios materiais e persoais necesarios para desenvolver a actividade-Desenvolver unha actividade lícita, própia e específica que se diferencia da empresa principal, aínda que complementaria e de colaboración con aquela-Organizar, dirixir e controlar efectivamente o desenvolvemento da actividade exercendo o contratista as funcións inherentes á condición de empresario-Asumir as responsabilidades e os riscos propios do desenvolvemento duna xestión empresarial
Pola súa banda, a denuncia de despido determinará se éste é nulo polo que nos terían que readmitir como persoal laboral fixo, ou ben, se é improcedente e é a Xunta quen decide se nos quere readmitir ou indennizar.
Un caso similar pasou a primeiros deste ano cos cinco traballadores do SASUGA (http://www.cntgaliza.org/?q=node/508), podendo finalmente demostrar en todos os casos a existencia de cesión e obtendo na maioría a indennización correspondente salvo nun dos casos que se produciu a readmisión (http://www.cntgaliza.org/?q=node/637).
Situación en informática da Consellaría
O servizo atópase dende hai anos totalmente privatizado, sendo a maioría dos traballadores subcontratados e, ao noso entender, en clara situación de cesión ilegal de traballadores. A Xunta leva anos con esta política e evita sacar prazas de informática a oposición pública, polo que continúa constante o enriquecemento de empresas privadas con cartos públicos. Na nosa opinión isto é, polo menos, unha situación pouco ética.
Por outra banda, os informáticos da Consellaría sentímonos involucrados nun proceso de precarización do noso traballo e das nosas condicións laborais. Estabamos afeitos ao maltrato empresarial (http://www.cntgaliza.org/?q=node/351, http://www.cntgaliza.org/?q=node/338) coa indiferencia da Xunta, pero dun tempo a esta parte, cando comezaron as denuncias de cesión dos compañeiros do SASUGA comezou a mudar a situación. Así, vemos como a Consellaría paralizou cursos de formación, como houbo polémicas cos horarios, como aumenta a carga de traballo e como saen concursos con circunstancias a ter en conta, como exemplo o derradeiro ([id: 10383] DOG 04-09-2008):-Rebaixa das categorias profesionais que se piden nos pregos-Valoración en exclusiva da titulación de todo o curriculum vitae (e agora gracias ás protestas de algúns compañeir@s aínda valoran varias titulacións... parabéns compas!!)-Ampliación de horarios laborais-Posibilidade real de externalización de traballadores
Todas estas rebaixas laborais veñen acompañadas dun curioso aumento do orzamento no concurso e realizanse de xeito pouco trasparente de cara aos traballadores que as van sufrir. En definitiva, unhas condicións que pensamos que só favorecen ás empresas.
A solución ideal
Para nos, o xeito de facer ben as cousas pasaría porque o servizo fose público e se desmontaran os lucrativos chiringuitos que precarizan o noso traballo.
Para conseguilo vemos dúas opcións:1) que a Xunta ofertase as prazas correspondentes, cousa que vemos moi pouco probable en vista dos datos comentados anteriormente.2) que os propios traballadores tramitásemos as correspondentes denuncias de cesión e acadaramos o obxectivo de ser persoal laboral fixo. Isto, obrigaria á Xunta a sacar estas prazas a oposición no prazo dun ano segundo establece a lexislación vixente.
Seguiremos informando.....
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario